Ir al contenido principal

O CARNÉ DE CONDUCIR EN PERSOAS CON ERC. O RELATO DE JESÚS DE LA IGLESIA

 

Chámome Jesús de la Iglesia. Resido en Cacheiras (Teo). Teño 65 anos, son licenciado en dereito, ex-abogado especializado en proxectos do desenrolo rural e concentración parcelaria e persoa con enfermidade renal crónica avanzada en estadío 4 A2 con seguimento na unidade ERCA do CHUS.

O que vos vou relatar aconteceu en abril deste ano, cando acudín a un psicotécnico de Santiago de Compostela para renovar o meu carné de conducir. Na primeira visita, a médico que me atendeu informoume que perdera un pouco de agudeza visual e que tería que corrixir a gradación das miñas gafas. Resolto o problema, despois de acudir á miña óptica habitual, volvín de novo ao centro de recoñecemento e esta vez a profesional preguntoume polas miñas doenzas e enfermidades, informándoa detalladamente da miña patoloxía renal, do estadio da miña enfermidade. que non me estaba dializando e que me atopaba asintomático facendo vida normal sen verme incapacitado para a condución do meu vehículo de uso particular. Non obstante, solicitoume a entrega do último informe médico da miña revisión en ERCA. Xa nunha terceira cita, entregueille o informe solicitado e despois de lelo con detemento, a profesional coméntame que sentíndoo moito e á vista do estadio de enfermidade no que me atopaba, teríaa que proporme como non apto, acolléndose ao que especifica o protocolo vixente de avaliación de condutores. Comuniqueille ao que meu xuízo a única opinión válida para avaliar as miñas aptitudes psíquico-físicas sería a da miña nefróloga por coñecer o meu historial médico e o curso clínico da miña enfermidade nos últimos 30 anos e en consecuencia quedei de aportarlle un informe médico do servizo de nefroloxía. Pasados uns días, entregueille o devandito informe favorable emitido polo especialista, certificando a inexistencia de impedimento para a condución dun vehículo de uso particular e, a pesar disto, no centro psicotécnico declaráronme como non apto para conducir. Co documento emitido, dirixinme á Xefatura de Tráfico de Santiago e solicitei unha revisión médica na inspección sanitaria da Consellería de Sanidade, onde valorando os informes médicos favorables do Servizo de Nefroloxía me declararon finalmente apto e puiden recuperar o meu carné de conducir por un período de vixencia dun ano.

Desde o comezo do proceso ata o momento no que me declararon apto, transcorreron máis de tres meses, nos que me vin imposibilitado para conducir o meu coche, cos problemas de mobilidade que isto implica para realizar as actividades cotiás.

Quero resaltar que efectivamente o Real Decreto 818/2009, do 8 de maio, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Condutores, no seu anexo IV Apartado 6º, ao tratar o sistema renal, establece un criterio restritivo para avaliar as aptitudes psicofísicas requiridas para obter ou prorrogar a vixencia do permiso de conducir.

Na mesma liña, o protocolo de exploración médico-psicolóxica para centros de recoñecemento de condutores (CRC), actualizado no ano 2022 e elaborado pola Dirección Xeral de Tráfico, a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Sociedade Española de Medicina de Tráfico (en coordinación con outras institucións científicas); na avaliación específica do sistema renal establece, en función do noso filtrado glomerular, a etapa 3b como límite a partir do cal o risco vial impide ser apto para conducir polas manifestacións cardiovasculares, gastrointestinais, metabólicas, neurolóxicas e musculoesqueléticas que acompañan a este deterioro. Non hai estudos científicos rigorosos que amosen unha evidencia clara en canto a un maior risco vial en condutores con enfermidade renal crónica respecto da poboación sa, pero si é certo que a ERC en fase terminal pode asociarse a unha serie de alteracións que provocan unha diminución importante na capacidade de conducir. Neste senso, o informe médico do profesional de nefroloxía que segue o curso da nosa doenza é fundamental para determinar as capacidades e aptitudes á hora de conducir un vehículo de motor, sen poñer en risco a seguridade vial.

Por último, é necesario sinalar que a enfermidade renal crónica leva vencellados diferentes graos de discapacidade, dependendo da etapa na que nos atopemos (ERCA, hemodiálise, diálise peritoneal, etc), cos dereitos e beneficios sociais derivados de cada situación. Con respecto a isto, a Directiva 2006/126/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de decembro do 2006; recoñece como dereito básico das persoas o acceso e uso do transporte privado para favorecer a mobilidade cidadá. Con respecto ao permiso de condución, pon de manifesto a importancia dos medios de transporte individual, destacando a necesidade de adoptar disposicións específicas que favorezan o acceso das persoas con discapacidade física á condución de vehículos sempre que a persoas posúa os coñecementos, aptitudes e comportamentos que permitan conducir con seguridade.

 


Comentarios

Entradas populares de este blog

AS PULSEIRAS SOLIDARIAS DA VODA DE MAR E JUAN

Juan Gestal ten 40 anos, é policia nacional, usuario de Alcer Coruña e ten enfermidade renal dende fai 9 anos. Antes do diagnóstico, comenta que tiña periódicamente ataques de gota e que tras unha revisión no seu centro de saúde, descubriron un desaxuste na función dos seus riles. Comezou ao pouco tempo o tratamento de hemodiálise no hospital Quirón da Coruña e despois dunha leve melloría, puido deixar de depender do tratamento dous anos ata que tivo que volver a entrar. Actualmente acode tres días á semana ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña en horario de mañá, compatibilizando o tratamento coa súa xornada laboral . Juan comenta que ten unha boa tolerancia á hemodiálise e que isto lle permite poder manterse activo laboralmente, aínda que menciona sentirse afortunado porque no traballo "llo poñen moi fácil" e se sinte moi apoiado polos seus compañeiros. Na actualidade, leva xa 4 anos e 2 meses en listaxe de agarda para poder trasplantarse e aínda que a espera se...

A HISTORIA DE CELSO

Celso naceu en Vigo e estivo boa parte da súa infancia viaxando por toda España e cambiando de localidades por mor do traballo de seu pai. Isto e segundo el asegura, marcou moito a súa forma de ser hoxe en día e a ser desde ben pequeno un home independente e loitador. Pai de dous fillos e entregado especialmente á educación e crianza do seu fillo maior con TDAH, xa tivo que desafiar moitas batallas para poder asegurarlle a mellor calidade de vida solicitando incluso unha excedencia no seu traballo habitual durante 13 anos. Nun control médico laboral diagnosticáronlle diabetes e anos despois a enfermidade renal crónica manifestouse na vida de Celso. Actualmente leva xa 4 anos en hemodiálise no Hospital Quirón da Coruña e asegura orgulloso ter botado preto de 8 anos en entrar neste tratamento levando unha dieta “estrita e ao pé da letra” durante todo o tempo que estivo na consulta ERCA, momento no cal coñeceu a Alcer e se fixo socio da entidade. O avance da diabetes implicou que tive...