Ir al contenido principal

A música, a miña menciña!

Chámome Manuel e nacín no ano 1933, en Cas, parroquia dos Ánxeles (Concello de Oroso). Veño dunha familia labrega, meus pais Manuel e Asunción tiveron oitos fillos, catro homes e dúas mulleres. Eu era o maior de todos. Miña nai Asunción, tamén traballou cun telar e de meu pai herdei a miña paixón pola música (el tocaba o trombón).
Estiven na escola ata os 14 anos, compatibilizando os estudos co coidado das terras e dos animais. A esa idade, comecei a traballar co carro de bois para traballar as terras dos meus veciños e foi daquela cando tamén comecei a tocar o Clarinete. A música comezou a ser naquel momento parte de cada etapa da miña vida.
Con 23 anos casei coa miña muller Erundina, xa levamos 62 anos xuntos! Tivemos 5 fillos e 4 fillas que me deron 18 netos e 4 bisnetos...os días da festa, cando nos xuntamos todos, non collemos na casa!
Aínda que sempre toquei o Clarinete, levo uns anos tocando tamén o requinto...aínda que dende que comecei en hemodiálise me custa moito compatibilizar o tratamento cos ensaios da banda á que pertenzo: A Banda de Arcos. Non é por falta de gana, pero cando saio da hemodiálise non me atopo con forzas de ir ensaiar e dame pena, pero é o que toca.


O meu primeiro contacto coa enfermidade renal foi moi duro, xusto o día despois de enterrar unha das miñas fillas, chamáronme por teléfono para que fose a unha consulta de nefroloxía que tiña para ese mesmo día. Dixéronme que fose polo hospital canto antes. Cando fun, xa me puxeron o catéter e comecei en hemodiálise ao seguinte día. Tempo atrás tivera unha ciática e tomara moito Ibuprofeno pola miña conta e dixéronme que os riles deixaran de funcionar a consecuencia diso. Agora asumo o tratamento como un traballo máis ao que non podo faltar, veño a gusto á clínica de hemodiálise Diaverum de Santiago, teño bo trato co persoal e lévome moi ben cos meus compañeiros. A sede é o que peor levo, non poder beber o que me gustaría...e a dieta tamén me custa moito seguila.

A música é a miña menciña a día de hoxe, formar parte da banda á que pertenzo (Arcos) e ter os compañeiros que teño, axúdame moito! Esta enfermidade é moi dura, hai que vivila para entendelo, pero na banda sempre me coidan moito e están moi pendentes de min. Nunca esquecerei unha homenaxe que me fixeron fai dous anos, cando empecei en hemodiálise e perdín a miña filla...son únicos! e eses momentos sempre quedarán gardados na miña cabeza. Tiña unha neta na banda, que cando me quería algo sempre dicía "padriño...esto, padriño...o outro" e agora todos me chaman "Padriño"...teño unha chea de afillados aos que quero moito e lles agradezo facerme pasar tan bos momentos.

Atte: Manuel Barreiro


Comentarios

  1. Barreiro, así o chamaba cando eu tocaba na Banda de Arca..ou Padriño! Era Padriño de todos. Agora non toco pero segue a ser o padriño da Banda.Eres un exemplo para todos nós!! Moita forza...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O CARNÉ DE CONDUCIR EN PERSOAS CON ERC. O RELATO DE JESÚS DE LA IGLESIA

  Chámome Jesús de la Iglesia. Resido en Cacheiras (Teo). Teño 65 anos, son licenciado en dereito, ex-abogado especializado en proxectos do desenrolo rural e concentración parcelaria e persoa con enfermidade renal crónica avanzada en estadío 4 A2 con seguimento na unidade ERCA do CHUS. O que vos vou relatar aconteceu en abril deste ano, cando acudín a un psicotécnico de Santiago de Compostela para renovar o meu carné de conducir. Na primeira visita, a médico que me atendeu informoume que perdera un pouco de agudeza visual e que tería que corrixir a gradación das miñas gafas. Resolto o problema, despois de acudir á miña óptica habitual, volvín de novo ao centro de recoñecemento e esta vez a profesional preguntoume polas miñas doenzas e enfermidades, informándoa detalladamente da miña patoloxía renal, do estadio da miña enfermidade. que non me estaba dializando e que me atopaba asintomático facendo vida normal sen verme incapacitado para a condución do meu vehículo de uso particula...

AS PULSEIRAS SOLIDARIAS DA VODA DE MAR E JUAN

Juan Gestal ten 40 anos, é policia nacional, usuario de Alcer Coruña e ten enfermidade renal dende fai 9 anos. Antes do diagnóstico, comenta que tiña periódicamente ataques de gota e que tras unha revisión no seu centro de saúde, descubriron un desaxuste na función dos seus riles. Comezou ao pouco tempo o tratamento de hemodiálise no hospital Quirón da Coruña e despois dunha leve melloría, puido deixar de depender do tratamento dous anos ata que tivo que volver a entrar. Actualmente acode tres días á semana ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña en horario de mañá, compatibilizando o tratamento coa súa xornada laboral . Juan comenta que ten unha boa tolerancia á hemodiálise e que isto lle permite poder manterse activo laboralmente, aínda que menciona sentirse afortunado porque no traballo "llo poñen moi fácil" e se sinte moi apoiado polos seus compañeiros. Na actualidade, leva xa 4 anos e 2 meses en listaxe de agarda para poder trasplantarse e aínda que a espera se...

MAXI, UN CAMIÑO DE 22 ANOS POLA ENFERMIDADE RENAL

Vicenta Maximina (ou Maxi, como a coñecemos todas e todos) é usuaria na actualidade na unidade de hemodiálise de Diaverum Santiago de Compostela e veciña do concello de Negreira. "Divertida, con carácter e moi clara", así se define ela! Traballou de costureira de solteira, deixouno cando se mudou ao País Vasco tras casar e retomou a súa profesión ao voltar 17 anos despois. Loitadora e independente decidiu formar parte dunha Cooperativa de costureiras que cosían roupa para Zara no ano 1991, onde traballou ata que tivo o diagnóstico de enfermidade renal.   Leva nada máis nin nada menos que 18 anos en hemodiálise "comecei un 15 de xullo, polo día do Carme na clínica de Souto Boo, situada na Rúa Xeneral Pardiñas da cidade compostelá" tras 3 sesións no antigo Hospital de Galeras. Comenta que os seus inicios foron cheos de medo, incertidume e moita falta de información sobre a enfermidade renal, a diálise e todo o que esta nova vida que lle viña por diante iba supor. Aínd...