Ir al contenido principal

AS PULSEIRAS SOLIDARIAS DA VODA DE MAR E JUAN

Juan Gestal ten 40 anos, é policia nacional, usuario de Alcer Coruña e ten enfermidade renal dende fai 9 anos. Antes do diagnóstico, comenta que tiña periódicamente ataques de gota e que tras unha revisión no seu centro de saúde, descubriron un desaxuste na función dos seus riles. Comezou ao pouco tempo o tratamento de hemodiálise no hospital Quirón da Coruña e despois dunha leve melloría, puido deixar de depender do tratamento dous anos ata que tivo que volver a entrar. Actualmente acode tres días á semana ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña en horario de mañá, compatibilizando o tratamento coa súa xornada laboral. Juan comenta que ten unha boa tolerancia á hemodiálise e que isto lle permite poder manterse activo laboralmente, aínda que menciona sentirse afortunado porque no traballo "llo poñen moi fácil" e se sinte moi apoiado polos seus compañeiros. Na actualidade, leva xa 4 anos e 2 meses en listaxe de agarda para poder trasplantarse e aínda que a espera se lle está facendo longa, non perde o seu positivismo nin a esperanza de que máis tarde que cedo chegará esa chamada quen tanto ansía para comunicarlle que hai un ril para el. 

En Alcer Coruña coñecimos a Juan nas nosas visitas periódicas á unidade de hemodiálise. A comezos deste ano comunicounos que se ía casar, polo que tamén coñecimos á que agora é a súa muller Mar. Mar e Juan comezaron a súa historia nos dous anos de "tregua" nos que Juan non tivo que ir a diálise e un ano despois de comezar a súa historia, Juan precisou de novo o tratamento. Ela comenta que aínda que tivo que adaptarse á vida do seu marido, pronto se afixo á situación porque "unha non elixe de quen se namora". Ambos decidiron normalizar a situación todo o posible e que a enfermidade non fose un impedimento para levar unha vida que definen como "normal". Adaptaron a enfermidade á súa vida e aínda que non poden facer cousas que lle gustan aos dous, como viaxar lonxe (por estar pendentes desa chamada); ambos se apoian en todo e compleméntanse no día a día. Por isto decidiron casar! pese ás adversidades que este 2020 trouxo consigo: o COVID-19 e o falecemento do pai de Juan.

Se por algo mencionamos a esta parella é porque decidiron facer da súa voda un día moi especial, pola situación sanitaria en si mesma pero tamén pola razón que nos leva a falar na súa historia en Alcer Coruña. Os noivos, decidiron colaborar con nós e entregaron ás persoas asistentes unha pulseira da asociación co obxectivo de visibilizar a enfermidade renal, de poder darnos a coñecer e tamén de fomentar a doazón de órganos entre as 120 persoas que acudiron á cerimonia. Foi unha voda "moi emotiva", segundo a parella, e aseguran que xa saben dalgún invitado que se fixo doante tralo enlace. Grazas de parte de todas as persoas que formamos parte desta entidade pola vosa colaboración!


A historia de Mar e Juan non nos deixou indiferentes en Alcer Coruña, e tras falar con eles despois do gran día, ambos coinciden en que pese que a enfermidade renal é unha enfermidade dura moitas veces, sempre hai que buscar unha razón para poder seguir adiante. Ter unha vida activa e facer cousas que lles gustan din que é a clave para poder sobrelevar esta situación así de ben, sobre todo que Juan poida manter o seu traballo e se atope laboralmente activo: "ter unha rutina é fundamental". Juan agradece tamén ao persoal da unidade na que realiza o tratamento e aos compañeiros "é importante chegar alí e ter un bo ambiente, iso tamén axuda". 

Desde Alcer Coruña, desexámosvos o mellor, parella! Moita felicidade e saúde! Oxalá pronto soe o teléfono!

E se as persoas que nos ledes tedes un evento e queredes colaborar con Alcer Coruña, non dubidedes en chamarnos ao 981298759 ou enviarnos un correo electrónico a info@alcercoruna.org




Comentarios

  1. Parabéns para a nova parella, parabéns por promover a doazón de órganos nun acto tan especial como o casamento.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

O CARNÉ DE CONDUCIR EN PERSOAS CON ERC. O RELATO DE JESÚS DE LA IGLESIA

  Chámome Jesús de la Iglesia. Resido en Cacheiras (Teo). Teño 65 anos, son licenciado en dereito, ex-abogado especializado en proxectos do desenrolo rural e concentración parcelaria e persoa con enfermidade renal crónica avanzada en estadío 4 A2 con seguimento na unidade ERCA do CHUS. O que vos vou relatar aconteceu en abril deste ano, cando acudín a un psicotécnico de Santiago de Compostela para renovar o meu carné de conducir. Na primeira visita, a médico que me atendeu informoume que perdera un pouco de agudeza visual e que tería que corrixir a gradación das miñas gafas. Resolto o problema, despois de acudir á miña óptica habitual, volvín de novo ao centro de recoñecemento e esta vez a profesional preguntoume polas miñas doenzas e enfermidades, informándoa detalladamente da miña patoloxía renal, do estadio da miña enfermidade. que non me estaba dializando e que me atopaba asintomático facendo vida normal sen verme incapacitado para a condución do meu vehículo de uso particula...

MAXI, UN CAMIÑO DE 22 ANOS POLA ENFERMIDADE RENAL

Vicenta Maximina (ou Maxi, como a coñecemos todas e todos) é usuaria na actualidade na unidade de hemodiálise de Diaverum Santiago de Compostela e veciña do concello de Negreira. "Divertida, con carácter e moi clara", así se define ela! Traballou de costureira de solteira, deixouno cando se mudou ao País Vasco tras casar e retomou a súa profesión ao voltar 17 anos despois. Loitadora e independente decidiu formar parte dunha Cooperativa de costureiras que cosían roupa para Zara no ano 1991, onde traballou ata que tivo o diagnóstico de enfermidade renal.   Leva nada máis nin nada menos que 18 anos en hemodiálise "comecei un 15 de xullo, polo día do Carme na clínica de Souto Boo, situada na Rúa Xeneral Pardiñas da cidade compostelá" tras 3 sesións no antigo Hospital de Galeras. Comenta que os seus inicios foron cheos de medo, incertidume e moita falta de información sobre a enfermidade renal, a diálise e todo o que esta nova vida que lle viña por diante iba supor. Aínd...

A HISTORIA DE CELSO

Celso naceu en Vigo e estivo boa parte da súa infancia viaxando por toda España e cambiando de localidades por mor do traballo de seu pai. Isto e segundo el asegura, marcou moito a súa forma de ser hoxe en día e a ser desde ben pequeno un home independente e loitador. Pai de dous fillos e entregado especialmente á educación e crianza do seu fillo maior con TDAH, xa tivo que desafiar moitas batallas para poder asegurarlle a mellor calidade de vida solicitando incluso unha excedencia no seu traballo habitual durante 13 anos. Nun control médico laboral diagnosticáronlle diabetes e anos despois a enfermidade renal crónica manifestouse na vida de Celso. Actualmente leva xa 4 anos en hemodiálise no Hospital Quirón da Coruña e asegura orgulloso ter botado preto de 8 anos en entrar neste tratamento levando unha dieta “estrita e ao pé da letra” durante todo o tempo que estivo na consulta ERCA, momento no cal coñeceu a Alcer e se fixo socio da entidade. O avance da diabetes implicou que tive...